Thursday 02 de May de 2024

A Xunta elabora unha guía para o deseño e instalación de cartelería co fin de garantir o equilibrio e “destacar sen molestar”


— Ángeles Vázquez salienta que este novo título, que se sumará aos 11 da Colección Paisaxe Galega que xa están publicadas, servirá para mellorar a imaxe das zonas históricas, das contornas rurais ou das entradas das cidades

— Este documento de consulta proporá criterios e solucións axeitadas para aplicar na introdución de letreiros e rótulos sobre os edificios e o territorio, para evitar así o deterioro da paisaxe

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta está a elaborar unha Guía de boas prácticas sobre o deseño e instalación de cartelería para garantir o equilibrio entre a necesidade da sinaléctica de destacar e ser visible, pero sen molestar na contorna na que se localiza.

A conselleira participou esta mañá nun encontro con alumnos de Deseño gráfico da Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso, que presentaron un caso práctico relacionado coa guía de cartelería e aplicado na cidade da Coruña.

Alí, Ángeles Vázquez salientou que se trata dun novo título da Colección Paisaxe Galega, que xa conta con 11 guías publicadas, de acceso gratuíto a través da páxina web do Instituto de Estudos do Territorio.

Seguindo o modelo das anteriores publicacións, trátase dun documento de consulta e de recomendacións no que se establecerán criterios e directrices para ter en conta á hora de introducir letreiros e rótulos anunciadores sobre os edificios ou no territorio.

Vázquez Mejuto indicou que a Xunta apostou por elaborar esta folla de ruta ante a necesidade de establecer un equilibrio entre a distinta e variada cartelería que se observa ao longo da xeografía galega, como os núcleos históricos, zonas rurais ou costeiras, as vía de comunicación ou as entradas das urbes.

Na actualidade, os traballos que se están a realizar céntranse no estudo e documentación da cartelería actual en Galicia, así como dos impactos que a súa colocación produce na paisaxe; un traballo de análise e recompilación que será a base para fixar os criterios e recomendacións.

Nese sentido, trátase dun documento cun enfoque práctico e didáctico para que se converta nunha ferramenta de uso doado, claro e accesible, co obxectivo de “abandonar o feísmo e apostar por unha nova corrente: o fermosismo”.

Por último, a conselleira trasladou aos estudantes de EASD Pablo Picasso que, como futuros profesionais do deseño, poden participar e asesorar no contido da futura guía, para “contribuír a reforzar a beleza e o aspecto das rúas, barrios e demais contornas de Galicia, apostando por unha integración pausada e pensada dos elementos”.